jueves, 11 de junio de 2015

Investigadores de economía cuantifican o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia

A prestixiosa revista Renewable and Sustainable Energy Reviews acaba de publicar un novidoso traballo sobre a incidencia económica do sector eólico.


Os investigadores do Departamento de Economía Aplicada Pedro Varela Vázquez, antigo alumno do Máster DEIN, e Carmela Sánchez Carreira, profesora no Máster DEIN, veñen de publicar un artigo sobre o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia na prestixiosa revista internacional Renewable and Sustainable Energy Reviews. Esta revista ten un alto impacto no Science Journal Report, sendo a sexta da súa categoría.
Os autores pertencen ao Grupo de Investigación Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE), dedicado á análise da innovación e que é considerado grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Ambos investigadores completaron a súa formación no prestixioso centro de investigación da Universidade dinamarquesa de Aalborg, especializada no estudo da innovación, especialmente centrada na enerxía eólica.
 
O traballo titulado Socioeconomic impact of wind energy on peripheral regions permite coñecer a incidencia deste sector na economía galega, ademais de constituír un modelo de análise para rexións periféricas con estruturas produtivas semellantes.

Os autores desenvolven unha nova metodoloxía que permite cuantificar o emprego e da achega ao PIB, diferenciando as actividades permanentes das temporais. Asemade, presenta como novidade a adaptación da cadea de valor do sector eólico ás singularidades da economía galega. O estudo baseouse na análise input-output, incluíndo melloras metodolóxicas.
Os resultados destacan a relevancia do sector eólico galego ao PIB no período 2000-2010 e a súa menor contribución á creación de emprego. Neste sentido, as actividades máis beneficiadas pola creación de emprego son as industriais e a rama de produción de electricidade. Tamén se observa un efecto indirecto relevante nas actividades relacionadas coa I+D. A inestabilidade normativa sectorial e a crise económica causaron un retroceso no sector.
 
Pódese acceder ao artigo premendo AQUI.