viernes, 27 de mayo de 2016

O profesor Juan Lema ingresa na Real Academia Galega de Ciencias


O profesor Juan Lema Rodicio, que imparte no Máster DEIN a materia Deseño, avaliación e xestión de proxectos de investigación, ingresou esta semana como académico da Real Academia Galega de Ciencias. Durante o acto de ingreso a súa intervención foi:  ‘Do antropocentrismo ao ecocentrismo, ou da enxeñaría sanitaria á enxeñaría ambiental’.
Juan Manuel Lema Rodicio licenciouse en Ciencias Químicas en 1971 na USC, onde tamén obtivo o seu grao de doutor en Ciencias en 1975. Logo dunha primeira etapa como docente na Universidade Autónoma de Barcelona, conseguiu a cátedra de Enxeñería Química na USC, na que desde entón exerce como profesor e investigador. Nesta última faceta, é o promotor e coordinador do grupo Enxeñería Ambiental e Bioprocesos.
En breve, a Real Academia Galega de Ciencias é unha corporación científica que nace en 1977 para o cultivo do saber e a difusión do coñecemento e das súas aplicacións. O seu ámbito territorial é Galicia. Está formada por cinco seccións: Sección de Matemáticas e Física do Cosmos; Sección de Química e Xeoloxía; Sección de Farmacia e Bioloxía; Sección de Ciencias Técnicas e Sección de Ciencias Sociais e Económicas.

Noticia no Xornal da USC

martes, 24 de mayo de 2016

Investigadores do grupo ICEDE analizan as dinámicas e os instrumentos de promoción de sectores eólicos periféricos


Os investigadores Pedro Varela Vázquez e María del Carmen Sánchez Carreira, do grupo de investigación ICEDE, acaban de publicar o artigo titulado “Upgrading peripheral wind sectors” na revista internacional Technology Analysis & Strategic Management. Este traballo, realizado por Pedro Varela e a profesora do Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación Carmela Sánchez, afonda na análise sistémica das dinámicas establecidas entre empresas locais e foráneas na cadea de valor en sectores eólicos periféricos co obxectivo de fomentar a resiliencia sectorial. Asemade, proponse un programa dinámico de actuación en materia de políticas públicas para promover o desenvolvemento e consolidación do sector eólico neste tipo de rexións, cun estudo de caso de Galicia.

Os autores contan con varios traballos previos neste eido publicados en revistas internacionais. En particular, analizaron o impacto socioeconómico do sector eólico en rexións periféricas, así como a diagnose dos retos para a implementación de políticas públicas para o fomento do sector eólico galego.