O pasado 25 de novembro, alumnos
do Máster tivemos a oportunidade de asistir ao Encontro “Vuelve el mundo que viene. El futuro ya está aquí”, celebrado no
Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Poñentes da entidade de Francisco
Román, presidente de Vodafone, Daniel Carreño, presidente de General Electric
en España e Portugal, ou Sarah Harmon, directora en España de Linkedin, ofreceron
alí a súa visión e a das súas organizacións sobre as novas tendencias globais
que a innovación e o cambio tecnolóxico están definindo a un ritmo trepidante,
e que están xa perfilando o futuro do mundo empresarial.
|
Brais Fernández, Susana Rodríguez e Rodolfode Diego
no Encontro APD "Vuelve el mundo que viene" |
Pola relación cos contidos do
Máster, quero destacar as intervencións da segunda parte do evento, conducidas
polos representantes alí presentes de compañías de referencia en materia de
innovación, como General Electric ou Google, así como polo director do Igape, Javier
Aguilera.
Tivo o primeiro turno de palabra Daniel
Carreño, quen centrou o seu discurso nas implicacións que a conectitividade e a
dixitalización van ter na Industria. Imos vivir nun mundo hiperconectado,
rexido pola denominada “Internet das cousas”, isto é, a interconexión dos
obxectos cotidianos coa “rede”. Nun futuro relativamente próximo, vai ser posible por exemplo, desde detectar
doenzas de forma anticipada mediante roupa intelixente, conectando directamente
co médico, ata que o inodoro analice diariamente a composición dos ouriños e te
aconselle en función dos resultados na dieta. Do mesmo xeito, na industria vai
ter un papel crecente a maquinaria intelixente, permitindo en certos procesos
un aumento da productividade extraordinario.
Rematou anunciando (ou
reiterando) a vontade de General Electric de desfacerse do seu negocio financeiro,
coa finalidade de centrar todos os esforzos no sector productivo. Este feito
ten unha relevancia notoria, xa que simboliza un cambio na tendencia de
financiarización da economía que caracterizou o período actual. Empresa volve deste xeito a apostar polo
desenvolvemento dunha industria de alto contido tecnolóxico, anticipándose ao
novo paradigma que vén, e que el veu en denominar a 4ª Revolución Industrial.
Continuou coa mesma dinámica
Isaac Hernández, Country Manager de Google en España. Especialmente interesante
neste caso foi a exposición das fórmulas que Google utiliza para innovar
constantemente, dende a súa recente reestructuración a través de Alphabet, ata
a aposta por unha cultura interna de innovación. Un exemplo é a política
interna que permite que os empregados adiquen un 20% do seu horario de traballo
a proxectos do seu propio interese. “A
implantación dunha cultura de innovación na empresa non consiste en pintar as
paredes de cores”, advertiu.
O big data, a
hiperconectitividade ou o auxe do software ofrecen por tanto grandes
oportunidades, pero tamén grandes riscos. Gianluca D´Antonio, Director de
Seguridade da Información e Xestión de Riscos do Grupo FCC, foi o encargado de
advertir sobre isto. A “pegada dixital” e as interrelacións entre os elementos
físicos e internet fannos máis vulnerables ante os cibercriminais. Neste
contexto, a protección da nosa privacidade vaise ver mermada. Máis graves son
outras implicacións ás que aludiu, como a posibilidade de que grupos con
motivacións delictivas se aproveiten de fallos de codificación para causar
danos persoais. Un exemplo pode ser a posibilidade de desactivar os freos dun
coche autónomo en marcha. “Queda moito
que remar en materia de seguridade”, concluíu.
Chegou por último a voz da tradición, da man de Cristóbal
Colón, a través dunha charla xenial onde se deu pé a reflexionar sobre uns
cambios globais que moitas veces abruman. Cristóbal Colón fixo o “gran
descubrimento”, como el mesmo ironizou, de percatarse de que o traballo é
importante para as persoas. Con esta vontade decidiu saír do hospital
psiquiátrico no que traballaba, para crear a cooperativa gandeira La Fageda en
1982. A día de hoxe, este proxecto, que presume de facer o mellor iogur do
mundo, emprega a persoas con necesidades especiais na súa actividade produtiva,
que abarca a totalidade do proceso de valorización do leite. Dende o coidado
das súas propias vacas, ata a elaboración e comercialización de iogures ou
xeados de numerosas variedades. É un modelo exitoso de desenvolvemento local
que axunta os valores sociais co éxito empresarial, polo que invito a todos e
todas a visitar a súa páxina web e coñecer así mellor o
proxecto.
Remato agradecendo a Carmela e a Loreto, tamén no nome dos
meus compañeiros, que nos dean a oportunidade de participar nun gran número de
eventos ao longo do Máster, os cales cremos que enriquecen moito a nosa
formación.
Brais Fernández Quintela
Alumno do Máster 2015-2016