A EU-LAC Foundation resolveu a súa
convocatoria aberta de proxectos de investigación, sendo o único proxecto
gañador o que coordina o profesor Óscar Rodil Marzábal, membro do grupo de
investigación ICEDE da USC. No proxecto participa un consorcio de
investigadores de universidades españolas e mexicanas.
A EU-LAC Foundation, con sede en
Hamburgo (Alemaña), é unha institución creada polo VI Cumio de Xefes de Estado
e de Goberno en 2010, da que forman parte máis de 60 países da Unión Europea, América Latina e o Caribe. A
esta convocatoria de proxectos poden presentarse propostas procedentes de
investigadores dos máis de 60 países socios de diversas áreas de coñecemento. O
financiamento proporciónase co apoio dunha subvención da Unión Europea e conta
tamén co financiamento dos Estados membros.
O proxecto gañador leva por
título “Avances no patrón de comercio intra-industrial entre a Unión Europea e
América Latina: o caso de Brasil e México" e enmárcase dentro do Programa
"Explora" de dita institución, que ten como obxectivo identificar
novos temas relevantes para as relacións entre os países da Unión Europea e de
América Latina, así como propoñer formas de cooperación nestes temas na
relación birrexional.
A selección da
proposta foi efectuada polo Consello académico da Fundación, integrado por
cinco académicos eminentes de ambas rexións (Unión Europea e América
Latina-Caribe).