martes, 10 de noviembre de 2015

O profesor Óscar Rodil, relator convidado nun seminario internacional da CEPAL sobre China e América Latina

O profesor do Departamento de Economía Aplicada Óscar Rodil, membro do grupo de investigación en Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE), participou como expositor no Iº Seminario Internacional de China e América Latina, celebrado na sede da CEPAL (Comisión Económica de Nacións Unidas para América Latina e o Caribe) en Santiago de Chile.

A participación de Óscar Rodil estivo auspiciada pola Fundación Konrad Adenauer a través do seu programa rexional de Políticas Sociais en América Latina (SOPLA), e versou sobre as particularidades das relacións comerciais entre China e diversos países de América Latina, baixo o título ‘O patrón de inserción comercial de China en América Latina: un novo modelo centro–p eriferia'. O relatorio presentouse en coautoría co profesor Jorge Alberto López Arévalo, da Universidade Autónoma de Chiapas (México).

Este Seminario estaba organizado por representantes da Freie Universität Berlin, El Colegio de México e a CEPAL co obxectivo de promover a reflexión sobre a nova fase da relación entre China e América Latina e o Caribe por medio dunha perspectiva multidisciplinaria orientada a estimular o deseño de mellores políticas públicas nacionais e rexionais que potencien o protagonismo de América Latina e o Caribe nas súas relacións co xigante asiático. As sesións técnicas contaron coa asistencia dun amplo número de funcionarios de rango técnico e político de ministerios e secretarias de Relacións Exteriores, ministerios de Economía e de Planificación, universidades e institucións de investigación, organismos rexionais así como do sector privado de América Latina.

Con esta participación do profesor Óscar Rodil, profúnda nunha liña de investigación que xa resultou recoñecida recentemente pola Fundación Unión Europea-América Latina e o Caribe (EU-LAC Foundation, con sede en Hamburgo), premiada como único proxecto gañador da convocatoria de proxectos de investigación do seu programa Explora.
 
* Esta noticia é extraída do Xornal da USC
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario