miércoles, 21 de diciembre de 2016

A innovación disruptiva como oportunidade de emprendemento

Todos temos unha idea máis ou menos clara do que é a innovación. Na bibliografía especializada podemos atopar diferentes definicións que, coas súas pequenas diferenzas, manteñen unha liña común: a innovación é unha actividade que ten como obxectivo a obtención de novos produtos ou procesos, ou a mellora significativa dos xa existentes.
Con todo, hai un concepto moito menos coñecido e que fai referencia a un tipo concreto de innovacións, trátase do concepto de innovación disruptiva. A que nos referimos cando falamos de innovación disruptiva? O termo foi introducido por Clayton Christensen no seu libro “The innovator's dilema” e fai referencia a como un produto ou servizo que na súa orixe nace coma algo residual ou coma unha aplicación sen moitos seguidores ou usuarios, pode converterse en pouco tempo nun produto ou servizo líder do mercado.

Que quere dicir con isto? Pois que ás veces as empresas líderes en determinados sectores céntranse en facer melloras nos seus produtos, sen preocuparse en facer cambios que supoñan unha ruptura con respecto ao que xa teñen. É aí onde as pequenas empresas poden atopar o seu nicho de mercado, ofrecendo un produto totalmente novo ou máis barato. Moitas veces isto faise a cambio de renunciar a unha certa calidade, xa que o importante é producir un cambio que sitúe á compañía coma líder nun determinado sector e, dende esa posición, poder mellorar a calidade dos produtos ou servizos ofrecidos.

Un exemplo que reflicte á perfección como unha empresa pode chegar a ser líder a través dunha estratexia disruptiva é a compañía Skype, que apostou polo modelo de voz IP cando ningunha das grandes compañías de telecomunicacións o estaba facendo, cun resultado amplamente coñecido por todos.

En moitas ocasións, a innovación disruptiva implica a capacidade de atopar un oco no mercado grazas a tres factores esenciais aos que outras compañías poidan non estar prestando a debida atención:
·       Non consumo: consumidores que non consumen determinados produtos ou servizos, ou consúmenos dun xeito que non é o conveniente.

·       A saturación: consumidores aos que se lles ofrece máis do que precisan.

·       A existencia de traballos por facer: produtos ou servizos que non están a ser ofrecidos no mercado.

Estes factores abren a posibilidade de atopar nichos de mercado que non están a ser explotados, principalmente a través de dúas estratexias:

ü  A oferta de produtos máis sinxelos cando os clientes medios están saturados.

ü  A mellora nalgunha dimensión do produto que permita capturar un novo segmento de clientes.
Un exemplo da primeira estratexia sería o caso de Ikea. Tradicionalmente, cando se mercaba un moble procurábase a durabilidade, a calidade e tamén o deseño. Ikea atopou o seu nicho de mercado substituíndo os criterios de durabilidade e calidade polos de prezos baixos e facilidade no transporte e montaxe. Con isto conseguiron subministrar mobles dunha calidade “aceptable” a un prezo moi competitivo, sen renunciar ao deseño e abrindo a posibilidade de renovar o deseño da casa cada pouco tempo. A día de hoxe é a empresa de referencia no sector.

Como exemplo da segunda estratexia podemos mencionar a videoconsola Wii. Antes da súa chegada, os fabricantes centraban a súa estratexia na mellora da calidade das videoconsolas (Play Station, Xbox...) e os videoxogos (mellores gráficos, máis realismo...), até o punto de que moitas veces estaban lanzando xogos ao mercado cunha calidade e unha complexidade que un amplo sector do público non demandaba. Aí é onde atopou a súa vantaxe a Wii, unha videoconsola cunha calidade inferior á das súas rivais pero cun novo concepto de xogabilidade. Isto permitiu atraer un novo segmento de usuarios (é máis doado ver a un pai ou un avó xogando co seu fillo ou neto á Wii que velos xogando, por exemplo, a un shooter da Play Station). Hoxe en día Wii é sinónimo de xogos en familia ou en grupo.



 

Podemos atopar moitos máis exemplos de tecnoloxías disruptivas que chegaron a impoñerse no mercado ou o farán nos vindeiros anos:

·       A fotografía dixital, a pesares de que nos seus inicios a súa calidade era moito máis baixa ca da fotografía tradicional.

·       A telefonía móbil, que superou todas as desvantaxes que tiña nos seus inicios fronte á telefonía fixa.

·       A banca electrónica fronte á banca tradicional.

·       E-learning, que se prevé que a finais desta década iguale en usuarios á formación tradicional.

E de empresas que chegaron ao liderado a través da disrupción:

·       A marca Ferrero, a través do seu produto Kinder Sorpresa, introduciu o concepto dos doces coma entretemento, engadindo un pequeno xoguete no interior de cada ovo.

·       Facebook, coa creación dun novidoso modo de relacionarse.

·       Apple, lanzando ao mercado o concepto tablet, a medio camiño entre o portátil e o smartphone.

·       Inditex, explotando un novo xeito de entender o concepto de moda a baixo custe.

A conclusión que podemos tirar de todo isto é que ás veces unha oportunidade de negocio non radica unicamente en mellorar o xa existente ou en lanzar un produto totalmente novo, senón tamén en saber buscar e explotar nichos de negocio e sectores de clientes que non están a ver cubertas as súas necesidades.

Diego Cougil Meléndez
Alumno Master DEIN 2016-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario